Educación, Historia e País:
homenaxe ao profesor Antón Costa Rico
Boletín Interno nº 59 (de la serie histórica; nº 4 de la serie digital) de NOVA ESCOLA GALEGA, agosto 2023. Páginas 98-106
En http://www.neg.gal/almacen/documentos/Bolet%C3%ADn%20(49)_pagenumber%20(1).pdf
Escribe: Francisco Xosé Candia Durán, Departamento de Pedagoxía e Didáctica (Campus de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela)SÍNTESIS:
en esta contribución se realiza un recorrido visual (con fotografías) y narrativo (en gallego) por los diferentes actos que configuraron, en formato de seminario académico y bajo la denominación "Educación, Historia e País", el homenaje que el 15 de octubre de 2022 el grupo de investigación SEPA-Interea (de la Universidade de Santiago de Compostela) y otros colaboradores tributamos, a raíz de su jubilación, a nuestro estimado compañero Antón Costa Rico, faro de conocimiento pedagógico, activista de la renovación educativa, referente investigador en materia de Historia de la Educación, Política Educativa, Educación y Lenguas en Galicia,.. y, por encima de todo, Profesor.homenaxe ao profesor Antón Costa Rico
Non é obxectivo desta breve contribución expoñer a longuísima listaxe de méritos que Antón Costa acumulou ao longo de 44 anos nos que se foi concretando o seu desempeño profesional, senón dar conta de que exalumnas/os (que agora poboamos departamentos de Pedagoxía das universidades galegas, centros escolares, departamentos municipais de educación e cultura, editoriais etc.), amigas e amigos, compañeiros/as de universidade, de NEG, da SEDHE, do movemento sindical, do nacionalismo de esquerdas e doutras entidades que tiveron/tivemos a fortuna de colaborar con el, decidimos testemuñarlle a nosa estima polo seu inspirador exemplo; e, con ela, poñer de manifesto que o labor que desenvolveu durante xa case cinco décadas ten favorecido a mellora da formación e da investigación en Ciencias da Educación de milleiros de alumnas/os que hoxe exercen a súa profesión en distintos contextos e realidades, o impulso do coñecemento e das publicacións expertas sobre Historia da Educación e Política Educativa, o activismo pedagóxico e, en definitiva, a construción dunha mellor Galiza, razón e obxecto dos seus desvelos
Os actos do día contaron coa intervención de numerosas persoas coas que Antón ten establecido fortes vínculos profesionais nalgún momento da súa traxectoria. A actividade comezou pasadas as nove da mañá cunha “Inauguración” a cargo de Xesús Rodríguez (USC), Mariló Candedo (UDC) e Xosé Manuel Cid (UVi), que deron conta das diversas circunstancias que rodearon a organización da xornada e o percorrido académico e de amizade que compartiron co homenaxeado desde que foron alumnos seus nas aulas de Pedagoxía en Compostela.
A continuación puidemos deleitarnos coa música do Dúo Arvela, composto pola docente do Conservatorio Superior de Música da Coruña Uxía Bolaño Amigo (co-directora da Revista Galega de Educación, con tese sobre Historia da Educación dirixida polo propio Antón), ao clarinete, e o profesor do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela Xose Antonio Rodríguez Álvarez, á guitarra clásica. Aínda terían ocasión de intervir algunha vez máis ao longo da mañá.
Seguiu unha agarimosa e agradecida “Dedicatoria” ofrecida pola citada Uxía Bolaño, e tamén polo “compañeiro de batallas” de Antón, Narciso de Gabriel (UDC), na que se glosaron os fitos máis significados da súa traxectoria profesional: ducias de promocións (de pedagogas/os, educadoras/es sociais, mestras/es e investigadoras/es) formadas por el, dez libros publicados -entre os que hai que destacar a monumental e multipremiada Historia da educación e da cultura en Galicia (Séculos IVXX)-, centos de artigos en revistas especializadas, dirección de quince teses e innumerables traballos de investigación e incansable apoio a investigadores/as noveis, informes, proxectos de investigación e congresos nos que participou ou que promoveu, ducias de conferencias pronunciadas, a súa enorme actividade como dinamizador pedagóxico desde o movemento Freinet primeiro (Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega) e logo desde NEG, o constante compromiso coa normalización lingüística tanto no eido escolar, como no universitario e no social (cabe lembrar que lle foi outorgado recentemente, no ano 2021, o Premio “Luís Porteiro Garea” á promoción e uso do galego na USC), os recoñecementos dos que se fixo acredor, a colaboración coa prensa, a acción política nos tempos do PSG-EG, a ligazón con Portugal etc.
Logo, Mariló Candedo (UDC) moderou a mesa “Conversando arredor da Historia da Educación”, na que estaban citados Aida Terrón (Universidad de Oviedo; con dificultade para se desprazar, preparou un texto para a ocasión, lido por Xosé Manuel Cid aos presentes) e Agustín Escolano (Centro Internacional de la Cultura Escolar, CEINCE), quen fora director da tese de Antón cando ambos coincidiran na Universidad de Salamanca e que nos deleitou cun brillante e erudito discurso sobre a investigación en Historia da Educación.
Tras un tentempé no que saudar os vellos coñecidos e departir amigablemente, desenvolveuse un panel moderado por Laura Varela (USC) que levou por título “A encrucillada da educación en Galicia”, e no que se foi ligando cada unha das temáticas tratadas coa experiencia vital e profesional de Antón. Participaron nesta actividade: Manolo Bragado (CEIP de Laredo, Redondela) coa intervención “Identidade, territorio e contextos da educación”, Concha Losada (Museo do Pobo Galego) con “Culturas e educación”, Xosé Lastra (presidente de NEG) con “Movementos sociais e renovación pedagóxica” e António Nunes (Movimento da Escola Moderna) con “Compartindo encrucilladas na lusofonía”, quen se desprazou desde o país irmán.
Tamén tomaron a palabra desde o público a presidenta da Sociedad Española de Historia de la Educación, María del Mar del Pozo (Universidad de Alcalá de Henares) e a mestra xubilada Alicia López, compañeira de Antón desde os últimos anos 70 na pedagoxía Freinet, na renovación pedagóxica e na defensa da educación rural.
En chegando as dúas da tarde, tras unhas elocuentes palabras de agradecemento do protagonista a todas as/os presentes, e como “Clausura” do seminario, en representación da organización Lucía Iglesias da Cunha (USC) ofreceu uns comentarios finais sobre homenaxe e homenaxeado, dando paso a José Antonio Caride (catedrático de Pedagoxía Social na USC, director do grupo SEPA-interea) que informou doutras accións en curso para honrar o homenaxeado; entre elas a elaboración dun libro coral que levará por título “Educación e sociedade en Galicia”, no que participarán estudosos/as da educación que percorrerán en clave de presente, pasado e futuro temas que viñeron centrando as preocupacións académicas de Antón. Glosou Caride finalmente, a flor de pel, algúns instantes vitais que marcaron a tan longa como frondosa traxectoria académica e profesional compartida por ambos, desde os vellos tempos do Pazo de Fonseca no remate da década de 1970.
En lembranza do encontro e antes da foto de grupo entregóuselle ao homenaxeado unha escultura en bronce de Cuqui Piñeiro (Goián, Tomiño) titulada “Homiño en escaleira, 6”, que reproduce unha figura humana subida a unha escada para poder mirar ao lonxe con máis perspectiva, simbolismo que entendiamos retrataba atinadamente a xeira vital de Antón, e que el ben agradeceu.
A xornada rematou cun agradable xantar de confraternidade (e en verdade resultou fraterno... “amable e feliz” foi cualificado polo protagonista), de animosa conversa, e que serviu tamén para actualizar os compromisos que os alí presentes seguimos mantendo con Antón.
"...dar conta de que ex-alumnas/os (que agora poboamos departamentos de Pedagoxía das universidades galegas, centros escolares, departamentos municipais de educación e cultura, editoriais etc.), amigas e amigos, compañeiros/as de universidade, de NEG, da SEDHE, do movemento sindical, do nacionalismo de esquerdas e doutras entidades que tiveron/tivemos a fortuna de colaborar con el, ....".
Aínda que a xubilación do homenaxeado xa se producira dous anos atrás, a pandemia causada pola COVID-19 provocou que o momento dos honores se retrasase ata o día de autos, circunstancia que non impediu que gozáramos dunha xornada memorable, ilustrativa, mesmo con momentos emotivos, que deixou en todas as persoas que alí nos convocamos a grata satisfacción de sabérmonos ligados pola influencia universitaria, pedagóxica e persoal que sobre nós exerceu Antón Costa.
Por acaso, non unicamente debemos conxugar en pasado: a súa xubilación (por arbitrarias razóns burocráticas, carece no presente da condición de “profesor honorario”) non trouxo consigo unha relaxación da súa actividade intelectual. Pola contra, segue investigando, publicando, dirixindo a colección “Biblioteca de Pedagoxía” da editorial Kalandraka, exercendo o seu maxisterio co e sobre o equipo de SEPA-interea, orientando investigacións e, por suposto, mantendo permanente atención reflexiva, con ollar crítico, ás novidades tanto da política educativa como do mundo pedagóxico (escolar e social).
Proba desa vitalidade académica foi o agasallo duplo que el mesmo nos fixo aos asistentes, antes do peche do acto, e que nos evocaba escenas de cando exercía como profesor noso de “Historia da Educación” ou de “Política e Administración da Educación”: a lectura comentada dun documento, lindo, delicioso, sobre historia da educación galega, recentemente re-descuberto e traducido para a ocasión por Antón (“A última lección”, de Prudencio Landín, 1947), precedida da entrega dun texto (“... entre onte e hoxe”) no que nos ofreceu, en primeira persoa, un relato persoal do seu presente sinalando algúns aspectos da súa traxectoria profesional, e referíndose a horizontes de traballo pedagóxico para a “súa” Facultade de Ciencias da Educación, e a tarefas colectivas no marco da educación en Galiza como comunidade política. En definitiva, merecido tributo ao profesor e compañeiro Antón Costa por un labor grandioso, pero tamén honesto, a prol dunha escola pública, democrática, equitativa, laica, inclusiva, galeguizada, pedagoxicamente renovadora, formadora de cidadanía, atenta á educación social e ás singularidades do mundo rural, compromisos que encheron un excelso itinerario vital e profesional como docente, investigador e dinamizador pedagóxico, sempre ao servizo da sociedade, da cultura e da lingua galegas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario